Caricaturas de cine por unha boa causa
15/09/2023

Caricaturas de cine por unha boa causa

A Semana de Cine de Lugo 2023 da pé a unha iniciativa artística e solidaria coordinada pola Asociación Lugo Monumental. Consiste na publicación de 20 deseños do xenial caricaturista Gogue, que se expoñerán en diversos locais do centro histórico de Lugo e no Círculo das Artes e que estarán en venda, destinándose os beneficios a ASPNAIS de Lugo.

De que deseños falamos?

Son 20 láminas relacionadas co mundo do cinema en que podemos atopar retratos de artistas como Marilyn Monroe, Liza Minelli, Clint Eastwood, Jack Nicholson… ou personaxes inesquecibles como Batman, o Joker, Morticia Addams, o Capitán Barbosa, ou King Kong. A impresionante mestría de Gogue, que lle valeu un palmarés de premios nacionais e internacionais de primeira orde, dá vida a estes personaxes que os lucenses poderán levar á súa casa.

Que formatos e custos teñen os deseños?

Hai tres formatos, con diferente custo cada un deles:

  • Formato lenzo: Teñen diversos tamaños en función do contido, e un custo de 300 euros cada un, entregándose cun certificado de autenticidade expedido por Gogue.
  • Formato lámina de 50x70 cms: É unha peza dunhas proporcións respectables, cun custo unitario de 120 €. Entrégase enmarcada, asinada e dedicada.
  • Formato lámina de 40x50 cms: É o formato de menor tamaño, cun custo unitario de 80 €. Tamén se entrega enmarcada, asinada e dedicada.

É importante destacar que os beneficios das vendas serán destinados a ASPNAIS de Lugo.

Onde se poden ver as obras?

Os lenzos están expostos no Salón de Columnas do Círculo das Artes, e poderanse visitar libremente entre as 18:00 e as 21:30 horas, todos os días (incluídos sábado e domingo) ata o vindeiro xoves día 21 de setembro, en que se clausurará a exposición.

En 20 locais do centro histórico poderanse ver as láminas de diferentes tamaños (maioritariamente as de 50x70 cms), pero na exposición tamén hai un exemplo de cada unha delas para que os interesados vexan as tres opcións que teñen.

Como se reservan as obras e cando se entregan?

Para reservar unha lámina pódese contactar directamente co establecemento que a expón, onde se abonarán e quedarán reservadas para a persoa interesada. Tamén se poden reservar calquera lámina ou un dos lenzos enviando un Whatsapp ao número 644 63 74 44 ou no correo asociacion@lugomonumental.es, onde se informará do procedemento para o seu reserva e pago.

Os traballos entregaranse o venres día 22 de setembro, tras o acto de firma dos mesmos por Gogue, que os converterá así en obras únicas e que os dedicará a quen así o desexe.

Gogue