Hoxe, entrega do libro “41 SEMANAS, 41 CARTEIS”
24/10/2019

Hoxe, entrega do libro “41 SEMANAS, 41 CARTEIS”

Hoxe, xoves, no Auditorio Gustavo Freire, vaise entregar gratuitamente aos asistentes ás sesións de “Xoias do Cine” e “Sección oficial” o libro “41 SEMANAS, 41 CARTEIS”, editado polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, con motivo da XLI Semana de Cine.

A publicación recolle todos os carteis anunciadores das semanas de cine desde o seu comezo en 1979 ata o momento actual, sendo unha homenaxe que o grupo efectúa a todos os cinéfilos lucenses que ano tras ano expresan a súa devoción pola Semana de Cine.

As imaxes proceden, na súa maior parte, de cadanseu concurso anual entre deseñadores, dotado económicamente con 1.000€ nas convocatorias máis recentes, xunto cun trofeo, pero tamén hai encargos efectuados directamente a pintores lucenses, e mesmo –no caso das dúas últimas Semanas- son obra de Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de fotografía do Grupo Fonmiñá, sendo o do presente ano o que figura na portada da publicación que estivo, asimesmo, baixo a responsabilidade deste directivo do Grupo.

Deste libro fíxose unha tirada de dous mil exemplares, que –ademais destas sesións no Auditorio Gustavo Freire- serán distribuidos a través das entidades patrocinadoras: Concello de Lugo, Deputacion Provincial, Xunta de Galicia e Universidade/Campus de Lugo.