Recibidas 1.507 películas para a  XLIV Semana de Cine de Lugo
16/06/2022

Recibidas 1.507 películas para a XLIV Semana de Cine de Lugo

115 filmes, entre curtas e longametraxes, serán seleccionados para a súa exhibición na Semana.

Rematado o prazo de admisión de películas para a XLIV edición da Semana de Cine de Lugo, tense recibido un total de 1.507 películas entre curtas e longametraxes.

Do total destas producións cinematográficas, 1.316 recibíronse a través da plataforma Festhome, 161 a través de Click for Festivals e 30 de distribuidores independentes.

Para a súa exhibición na Semana de Cine seleccionaranse un total de 115 filmes.

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, entidade organizadora da Semana de Cine, segue traballando na organización da Semana, que se vai celebrar do 19 ao 24 do próximo mes de setembro. En próximas días será presentado o cartel anunciador da próxima edición da Semana, obra do Siro López Lourenzo, SIRO.

A celebración da Semana de Cine de Lugo conta co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo.