A Semana de Cine lembrará a María Casares, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana
10/09/2022

A Semana de Cine lembrará a María Casares, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana

A Semana de Cine de Lugo prolongará este ano o seu Paseo do Cine, en Frigsa, con placas dedicadas á actriz María Casares, polo seu centenario, e á directora Margarita Ledo, polo seu labor. O acto terá lugar o día 19, cando comece o programa, que se prolongará ata o día 24.

O certame recordará a maiores o escritor Darío Xohán Cabana, ao ano dende o seu pasamento. O evento proxectará 131 filmes de entre 2.850 que lles chegaron "de todo o mundo", segundo apuntou Manuel Curiel en nome do colectivo organizador, Fonmiñá. O presidente do colectivo, Xulio Xiz, aseverou que tratarán de contribuír a reducir "a ignorancia que existe sobre María Casares, que foi moi importante, sobre todo no teatro".

Casares, nacida en 1922 na Coruña, desenvolveu a súa carreira en Francia, onde chegou como exiliada con 14 anos. Poderán verse varias películas nas que participou na Biblioteca Provincial.

La Semana de Cine de Lugo proyectará 117 películas

As cintas desta intérprete estarán acompañadas por unha exposición sobre a súa vida e a súa carreira e por un libro asinado por Curiel. O organizador da Semana de Cine destacou tamén que se proxectará en bucle unha entrevista que Luís Menéndez fixo a María Casares para a Televisión de Galicia "e que foi a primeira" en España.

O periodista ourensán presenta tamén a súa cinta Exeria, a primeira peregrina, que sigue as pegadas desta viaxeira do século IV ao longo de 4.000 quilómetros por Europa e Oriente.

Engadiu que se verá o día 19 tamén Nación de Margarita Ledo, de quen destacou "o seu labor docente, cinematográfico e investigador". Cabana será lembrado coa proxección de A mariñeira, da que foi coguionista. Ambas pasaranse na Deputación.

Na sección oficial veranse Mentes maravillosas, Una librería en París, El amor en su lugar, Los inventados, Qazi e La Pampa, ás 22.00 horas na Deputación.

O Vello Cárcere acollerá pola súa banda un ciclo de producións galegas. Entre elas destacan a película Julia, que o vilalbés Jacobo Lagüela rodou coa súa avoa; o documental Verde é a cor da soidade, un traballo fonsagradino de Alberto Trabada sobre o despoboamento rural, e YVM, do rabadense Euloxio Fernández, unha peza "sobre un mundo onde a tenrura se cambia pola funcionalidade", en definición do director.

A provincia de Lugo estará tamén presente na mirada atrás que recupera O bosque do lobo, rodado nos Grobos de Becerreá en 1970 por Pedro Olea, con José Luis López Vázquez sobresaíndo no reparto actoral.

Na Casa do Concello haberá unha mostra de imaxes Lugo a través do tempo, sobre os últimos 35 anos na cidade.

O capítulo de homenaxes inclúe a proxección de Acorazado Potemkin para recordar a invasión rusa de Ucraína. No campo da fotografía, unha actividade que Fonmiñá cultiva xunto ao cinema, haberá un recoñecemento a Miguel Díaz, que naceu en Ribadeo en 1933 e que leva varias décadas rexistrando a vida social e cultural da vila, tendo sido correspondente gráfico de El Progreso. Este pioneiro da fotografía turística e aérea será destacado nun acto o día 20.

As proxeccións de Semana de Cine de Lugo volverán saír das salas habituais para achegarse á sede de Aspnais e a recintos penitenciarios, como Bonxe ou Monterroso.

Fonte: El Progreso