Semana de Cine 2016

E van 38, cada vez con máis dificultades, cada vez con mellores resultados cinematográficos. Do case milleiro de películas recibidas (curtas e longas) de 52 países de todo o mundo, eliximos máis dun cento para exhibir na Semana, que se concretan en homenaxes a Aspnais no seu primeiro cincuentenario, ao Gran Teatro na lembranza, á muller protagonista, a Dani de la Torre, Jorge Coira  e Luis Tosar. Terá un papel principal o cine galego, as películas realizadas por lucenses, o cine asturiano e a película de Luz Darriba (autora do cartel anunciador da Semana) “Marcas na pel do papel”.

Cumprir anos é sempre unha responsabilidade. A nosa, ano a ano, foi a de conseguir experiencia e nivel mantendo a ilusión e a mocidade da intelixencia. Somos conscientes da responsabilidade “in crescendo” desta carreira interminable, entre dous séculos, cunha orientación bifronte –Lugo e o Cine– tentando sempre a máis alta confluencia entre os dous polos positivos que manexamos para os que non rexen as leis da enerxía eléctrica xa que sendo positivos os dous atráense desde o comezo da nosa historia aventureira na sétima arte.

Feliz Lugo de cine, feliz cine en Lugo, feliz conxunción de Lugo e o cine. E que todos o vexamos.

 

Xulio Xiz
Presidente de Fonmiñá